miércoles, 20 de diciembre de 2017

Parabéns!

Tania, Carmen e Pablo estiveron de cumple este trimestre, xa temos todos e todas 4 anos!
Para celebralo compartimos unhas larpeiradas cos nosos compis.
Preme na imaxe para ver máis fotos.

sábado, 16 de diciembre de 2017

Arqueixal

Premede na imaxe para ver algo do noso paso por Arqueixal. E...por certo, estaban ricos os queixiños?

jueves, 14 de diciembre de 2017

Trasnos

Así de simpáticos nos quedaron os trasnos que fixemos hoxe.
 E así de ilusionados quedamos nós!!

Xogamos ao dominó

Un fantástico xogo para estimular a percepción-visual, a atención e, por suposto, para pasar un tempo estupendo cos amigos e amigas.
Nesta ocación, tivemos que fixarnos nos obxectos característicos do Apalpador.


martes, 12 de diciembre de 2017

Rutinas de entrada

Todas as mañás realizamos unha serie de "rutinas de entrada" que nos ofrecen estabilidade e unha referencia, ademais de moitas outras aprendizaxes. A primeira delas xa a vimos aquí.
Pois ben, unha vez sentados todas e todos no corcho comezamos cantando e dando os bos días, continuamos co calendario e o tempo atmosférico e rematamos co debuxo do esquema corporal.
Quen fai todas estas tarefas? Iso indícanolo un gusano no que están colocadas as nosas fotos para ir levando un rexistro e saber a quen lle toca cada día, así seguimos unha orde. A quen lle toque convírtese no encargado ou encargada do día! Toda unha responsabilidade que fan con moito estusiasmo...
Seguide lendo para ver como facemos estas rutinas e algunhas das cousas que aprendemos con elas.

Libro viaxeiro Liam

Velaquí a páxina do libro que realizou Liam xunto coa súa familia. Contounos que o seu papá o axudou moito.
Estes debuxos estannos deixando coa boca aberta! Noraboa!

martes, 5 de diciembre de 2017

Ideas para vivir felices

Mañá non hai cole porque "as xentes teñen que descansar" ou eso dixo unha nena...😄
Pero descubrimos que tamén se conmemora a Constitución, a profe falounos algo disto pero resultounos un pelín complicado. Ao final chegamos á conclusión que para convivir mellor é bo ter algunhas normas coas que todas e todos esteamos de acordo.
Aproveitando que estamos coñecendo seres mitolóxicos, pensamos en que tería que pasar no bosque para que os seus habitantes poidan ser felices...incribles as reflexións!


A xacia Luviñas

Esta semana coñecimos un novo ser mitolóxico: as xacias ou mulleres peixe que habitan nos ríos. Que mellor xeito de descubrilas que a través do conto de Anxo Moure"A Xacia Luviñas"?
Esta xacia chora por ver os ríos sucios e tamén por....bueno, se queredes saber como continúa a historia podédeslle preguntar ás nenas e aos nenos de 4 anos...
Polo momento, aquí tedes uns debuxos das xacias...fantásticos!

Como te sintes?

Cada día, despois de poñer o mandilón, cada nena e neno coloca a tarxeta do seu nome nunha emoción e explica como se sinten.
Ademais de ser un xeito para recoñecer o nome propio, esta rutina diaria facilitounos moito o traballo de hoxe, conseguimos asociar rapidamente imaxes de distintas accións coa cariña da emoción que representa!!

domingo, 3 de diciembre de 2017

Momento máxico

Seguimos aprendendo cousas sobre os seres máxicos de Galicia. Estes días coñecimos aos trasnos e...como fan moitas trasnadas, ás veces desordenan as cousas que temos na casa. Pero non só o fan nos nosos cuartos, senón tamén neste que pintou Van Gogh.
Pero...sabedes que é o verdadeiramente máxico? O momento no que mesturamos música e pintura.
Ollade, ollade!


Libro viaxeiro

Este trimestre inventamos un conto na aula que ten como protagonistas unha bruxa e unha serea. Quixemos darlle vida, e por iso solicitamos a axuda das familias. Cada semana este conto viaxará a un fogar para que, en familia, o ilustredes.
Aquí tedes a Sabela moi orgullosa xunto a serea. Noraboa familia polo resultado!

Que será?

Aquí nos tedes preparando unha parte do decorado para a representación que imos facer xunto con todos os nosos amigos e amigas de infantil no festival de nadal...que será, será?


sábado, 25 de noviembre de 2017

Puerta violeta

Con motivo do Día Contra a Violencia de Xénero, durante esta semana estivemos escoitando a canción "La puerta violeta" de Rozalén. Preme aquí para poder escoitala.
 Aínda que hai algunha cousiña que non entendemos moi ben, chegamos a comprender que fala dunha nena que ten medo, está triste, bérranlle...e a nós iso non nos gusta nada.
Así que, decidimos construír paisaxes, detrás desa porta violeta, para que todas as nenas e mulleres que sinten medo poidan ter un lugar onde sentirse tranquilas.

As nenas e os nenos podemos...

Con esta frase fixemos unha chuvia de ideas sobre aquelas cousas que podemos facer tanto as nenas como os nenos, e sabedes unha cousa? Non atopamos diferencia ningunha. Se ti queres, ti podes!
Todas as ideas, deixámolas plasmadas en diferentes prendas de roupa para expoñelas no corredor do cole.

Atrapamedos

En ocasións, todos e todas sentimos medo. Os motivos son do máis diverso: o lobo, a escuridade, os crocodilos,...pero todos eses medos van quedar aquí atrapados e faranos sentir mellor.

Paisaxe

Durante este curso imos participar, xunto con outras aulas do cole, nun proxecto de innovación educativa sobre Paisaxe. Está enmarcado dentro dos Plan Proxecta ofertados pola Consellería de Educación e O.U.
Hai uns días recibimos unha carta do esqueleto Valentín, o explorador sen fin! Nela contábamos algo sobre as súas viaxes e invitounos a observar a paisaxe do cole e valorar aquelo que queriamos cambiar. En breve veredes as nosas ideas, de momento aquí nos tedes explorando...todo un luxo a nosa contorna.

viernes, 17 de noviembre de 2017

jueves, 16 de noviembre de 2017

Experimento globo

Gustounos tanto ver o que acontecía ao mesturar o bicarbonato e o vinagre que volvemos experimentar con eles, pero agora para inflar un globo.
Non perdades ollo ao vídeo, ao final podedes ver como o fixemos!

Paus de madeira


Un material tan sinxelo como paus de madeira serviunos hoxe para traballar a percepción visual, a orientación, a atención, e como non, a creatividade e traballo en equipo.
Unha nena ou neno ten que crear unha figura e a súa parella ten que reproducila igual, fixándose na posición e cores dos paus.
Animádevos a probar na casa!

A casiña do número 4

Aquí tedes a casiña do número 4, ten un montón de pisos pero en cada un deles soamente viven catro veciños.
Mediante estas descomposicións do número estámonos iniciando á suma, aínda que para nós é soamente un xogo ;)

O rectángulo

Estes días estivemos coñecendo un pouco máis unhas das figuras que temos na nosa bolsa das formas xeométricas: o rectángulo.
Primeiro, manipulámolas, agrupámolas, clasificámolas e creamos figuras con elas. Despois, buscamos obxectos na aula que tivesen esta forma e atopamos un montón!
Repasamos camiñando a grafía do rectángulo no chan e deseguido debuxámola co pincel arredor dun rectángulo pequeno.
Finalmente, fomos á compra. Rocío deunos unha nota coas figuras que tiñamos que "mercar" e por parellas tivemos que ir buscalas fixándonos na cor e cantidade...saíunos xenial! 
Seguide lendo para ver as imaxes!!!

jueves, 9 de noviembre de 2017

Comemos vasoiras

Si, si, lestes ben! Comemos vasoiras, se vós tamén queredes probalas soamente precisades paus de pan e xamón. Pero tede coidado, según dixo algunha nena da clase algunha bruxa pódese enfadar se lle comemos a súa vasoira...

sábado, 4 de noviembre de 2017

Xogamos co peón

Onte, asistimos ao campionato de peón do cole no que participaron as nenas e nenos de primaria. Para ir aprendendo en que consiste eso de facer xirar o peón, a profe trouxonos uns que nos encantaron...e só se necesita un tapón e un lápis vello para facelos. 
Aquí nos tedes brincando á vez que gañamos coordinación e forza nas nosas mans. Animádevos a probar na casa!

martes, 31 de octubre de 2017

Samaín 2017

Graciñas a todas as familias pola vosa colaboración, unhas cabazas xeniais! Bravo!

Abracadabra






Porta meiga

Para celebrar o Samaín todas as portas do cole se transformaron en algo terrorífico. Como nós estamos aprendendo un montón de cousas sobre as bruxas decidimos  decorala con esta personaxe.
Para isto, traballamos en 3 equipos, cada un deles tivo que poñerse de acordo en como a ía decorar e que materiais querían empregar. Así, un equipo encargouse do sombreiro, outro da camisa e outro das medias.  
E...abracadabrapatadecabra así quedou a nosa porta!
Algún de vós apota a súas mascota?
Seguide lendo para ver como traballamos.

domingo, 29 de octubre de 2017

Ao son da gaita


O pasado venres a música invadiu a nosa xornada da man de Noelia. A súa gaita,  frautas e pandeireta fixéronnos bailar, sorrir, xogar e, sobre todo, pasar un día estupendo ao son de instrumentos tradicionais. E, ademais, sabía tocar todas as nosas cancións preferidas!
Graciñas, Noelia, por vir ata o noso cole! Foi todo un pracer! Quedamos con ganas de máis :)
Previamente a súa visita, na aula debuxamos con acuarela ao son da música do grupo do que forma parte, Milesios. Eramos todo oídos e concentración!

Poción máxica

Na aula tiñamos curiosidade sobre  o que botan as meigas nas súas pocións máxicas. Descubrimos dous ingredientes que cando se xuntan, guau! deixannos coa boca aberta...e non só a primeira vez que o vimos senón tamén a segunda, e a terceira, e a cuarta,... jejeje!

miércoles, 25 de octubre de 2017

O carballo con botas

A raíz dos incendios da semana pasada limos o conto "O Carballo con botas" de Anxo Moure. Nós, tamén queremos loitar contra o lume e que os bosques se enchan de árbores.
Así que puxémonos mans á terra e sementamos unha landra dentro das nosas botas.


o carballo con botas from aurorarra

Seguide lendo para ver como sementamos

Morcegos

Outros do animais que lles gustan ás meigas son os morcegos...mirade estes que simpáticos nos quedaron

Arañas

Comezamos un novo proxecto sobre as meigas. Unhas das cousas que lles gustaría aprender aos nenos e ás nenas é cales son as súas mascotas. Nunha láminas de adiviñas vimos que poden ter mascotas moi variadas, que tal unha araña para empezar?
Seguide lendo para descubir como as fixeron

domingo, 22 de octubre de 2017


Seguimos traballando a estación do outono. Esta vez, punzamos unhas folliñas de carballo para ambientar a aula, pero...fixádevos nas letras. Decoráronas en parellas...pode parecer doado pero tivéronse que poñer de acordo nos materiais que ían empregar e no que ía facer cada membro do equipo. Imos por bo camiño, comezamos a darnos conta da importancia do diálogo para chegar a acordos

As cores do outono

Ollade que paisaxes de outono tan fermosas crearon os nenos e nenas con témpera, pincel e bastonciños

Sementamos

Que facer con esas sementes que sobran dunha merenda de froitos do outono?
Pois poñelas en terra, un pouco de auga, luz do sol e...agardar ata que medren!

Merenda outono

Que mellor xeito de coñecer os froitos típicos do outono que cunha merenda.
Grazas a colaboración das familias (sodes xeniais!) poidemos degustar un rico manxar.

Circular

Extra, extra! Imos celebrar unha merenda de outono para coñecer mellor os froitos típicos da estación.
E para isto que precisamos? Pois a axuda das familias.
Aquí tedes a circular que elaborou o alumnado para a ocasión.


O libro do noso nome

Durante o mes de setembro estivemos traballando o nome das nenas e dos nenos, o resultado final foi este libro a través do cal todos conseguiron escribir o seu nome, noraboa!
Como vedes, cada un debuxouse na portada, todos os debuxos son distintos, únicos e fantásticos! Cada quen seguindo a súa propia evolución. Están do máis fermoso, non si?

Grafías

Aquí estamos practicando as nosas primeiras grafías e  non só as facemos sobre papel senón que tamén debuxamos en bandexas con lentellas. Concentración e diversión asegurada!


Saída outono

Sen saír do cole podemos observar os cambios producidos pola estación. A pesar do pouco que chove este outono atopamos cogomelos e tamén landras, piñas, follas e moitas árbores que estamos empezando a coñecer. Se queredes descubrir para que usamos todos estes elementos da nosa paisaxe seguide lendo...

Na biblioteca

Non  nos pode gustar máis visitar a biblioteca do cole! 
Aquí nos tedes cun monicreque do noso conto preferido. 
Sabedes quen é?


A nosa mascota

Nos primeiros días de cole, creamos a nosa mascota da aula. Para isto, cada nena e neno debuxou o animal que lle gustaría ter como mascota: serpes, peixes, canciños e moitos máis, todos fantásticos. Pero só un podía ser a nosa mascota, así que fixemos unha votación e o debuxo gañador foi o do hámster.
Unha vez elexido tiñamos que poñerlle un nome, de todos os propostos escolleron Lucas.
Velaquí vos presentamos ao hámster LUCAS, a nosa mascota de aula.

O primeiro día de cole...

...cando chegamos á aula atopamos unha caixiña misteriosa. Despois de falar sobre todo o que nos aconteceu nas vacacións de verán, abrímola e descubrimos un montón de probas dentro. Cada vez que superabamos unha proba conseguiamos unha tarxeta co noso nome para o percheiro.
Non pensedes que foi tarefa doada, tivemos que pasar un montón de probas en equipo, pero xuntos conseguímolo!!!

Comezamos!


Así de felices estabamos o primero día de cole na aula de 4 anos!
Cantas cousas tiñamos que contarnos despois do verán